Contamos Galicia - Arquivo sonoro de memoria oral

Voces do Retorno

Xuntanza MERLO – Santiago de Compostela
xuño de 2026

Voces do Retorno

Contamos Galicia grava a memoria oral das aldeas galegas

Chega aos pobos, séntase cos veciños e veciñas maiores, e escoita. Ese é o proxecto. Ese é o arquivo.

Pero a emigración non se detén. Transfórmase.

Catorce voces. Moitos proxectos. Unha memoria en construción.

Isto é Voces do Retorno.

Os maiores das aldeas son os emigrantes de onte. As persoas que participaron nesta xuntanza son os emigrantes de hoxe: galegos e galegas que volveron, que deixaron atrás unha vida enteira e están construíndo algo novo aquí. Dentro de décadas, alguén quererá escoitar como era ese proceso. Que se soñaba. Que custaba. Que se atopou ao volver.

Por iso, na Xuntanza MERLO 2026, Contamos Galicia propuxolles aos participantes sumarse ao arquivo. Montar un set de gravación e facer un podcast coas súas voces — as das autoridades, os mentores e mentoras, e os emprendedores e emprendedoras do programa.

As preguntas que guiaron as conversacións:

  • En que consiste o Programa MERLO?
  • Cal é o teu nome, cal é o teu proxecto e quen te acompaña como mentor ou mentora neste camiño?
  • Que ou a quen atopaches en Galicia — ou neste proceso — que está cambiando a túa historia?
  • Imaxina que volvemos a atoparnos dentro de cinco anos e o teu proxecto foi un éxito. Que che gustaría estar contando?
  • Acompañar a outros nos seus proxectos, que che deixou?
O encontro

Xuntanza MERLO 2026

O 17 de xuño de 2026, no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela, tivo lugar a Xuntanza MERLO 2026, un encontro de networking impulsado por Fundación Ronsel en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, dirixido a galegos e galegas retornados, participantes do Programa MERLO.

Participaron o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires; Begoña Solís Domínguez, subdirectora xeral de Retorno; e Luis García Deber, director da Fundación Ronsel. Tamén estiveron presentes mentores, mentoras e mentorizados da edición 2026 do Programa MERLO. Houbo palabras das autoridades, do delegado en Buenos Aires, do director da Fundación, e David Esquenazi Bouzas presentou o proxecto Contamos Galicia.

Durante o encontro montouse un set de gravación onde participantes e autoridades deixaron os seus testemuños diante do micrófono. Todos xuntos conforman este podcast.

Voces que conforman este arquivo:
Alejandra · Belén · Claudia · Isabel de la Granja · Jesús · Luis · Margarita · Mónica · Nelson · Paula · Rafael · Rocío · Salvador · Sonia

Escoitar

Os podcasts

Xuntanza Merlo 2026

Voces do Retorno - Episodio Completo

Xuntanza Merlo 2026

Voces do Retorno - Episodio Corto

O proxecto

Contamos Galicia

Galicia ten máis de 30.000 núcleos de poboación. En moitos deles quedan poucas persoas maiores — ás veces unha soa — que gardan na súa memoria un patrimonio irrepetible: oficios desaparecidos, tradicións orais, relatos da emigración, a vida cotiá de hai cincuenta anos.

Ese patrimonio non está en ningún arquivo accesible. Vive nas persoas. E con elas, desaparece.

Contamos Galicia chega a cada aldea cun micrófono. Non a entrevistar: a escoitar. Son os propios veciños e veciñas quen lle dan voz e narran as súas historias — e con elas, a historia das súas aldeas. O proceso desenvólvese nunha serie de encontros onde a escoita activa e o acompañamento profesional crean as condicións para que emerxan os relatos que importan.

O acto de gravar ten un efecto real en quen fala: devolve protagonismo, reforza a identidade e combate a soidade non desexada. Por iso Contamos Galicia non é só un proxecto de memoria oral. É tamén unha intervención psicosocial.

O resultado é un episodio de podcast profesional publicado en Spotify e un punto nun mapa xeorreferenciado que calquera persoa no mundo pode abrir para escoitar a voz viva desa aldea. Un arquivo para os que quedaron. E para os que marcharon e nunca do todo volveron.

Quen hai detrás

David Esquenazi Bouzas

Psicólogo Xeral Sanitario · Especialista en Radio e Produción de Audio

Son arxentino. O meu avó Hipólito emigrou dende unha aldea de Pontevedra aos 18 anos e nunca regresou. Vin a Galicia grazas a unha beca BEME da Secretaría Xeral da Emigración para facer un máster en Psicoloxía da Intervención Comunitaria na USC. O que comezou como unha experiencia académica acabou sendo un retorno. E Contamos Galicia naceu de todo este percorrido.

Actualmente coordino obradoiros de radio e podcast na Asociación Érguete de Vigo, onde o micrófono é unha ferramenta para traballar habilidades sociais con persoas en proceso de recuperación do consumo de substancias. Tamén teño consulta privada como psicólogo. E son participante do Programa MERLO, acompañado pola miña mentora Margarita Murillo, con quen levamos adiante este fermoso proxecto.
Contacto

Contamos Galicia

Arquivo Sonoro da Memoria Oral

En colaboración con Fundación Ronsel – Programa MERLO 2026

Contamos Galicia

Arquivo sonoro de memoria viva

Un proxecto de DEB.Psicología

Developed by rodrigozungri.com

Scroll al inicio